Maruja Mallo, artista entre culturas

Maruja Mallo, artista entre culturas

As voltas do tiempo

Exposición virtual comisariada por Luz Darriba

Cando pensei nunha maneira de traer ao presente a obra de Maruja Mallo, unha artista que as propias feministas sacamos das sombras, esquecida por moitas razóns entre as que o feito de ser muller ten un peso importante, pensei que o mellor que podiamos facer era visibilizarmos nós mesmas: as mulleres artistas, que, malia ao paso do tempo, continuamos na semi penumbra que o patriarcado nos impón por defecto. Polo defecto de ter nacido mulleres, quero dicir.

Maruja Mallo sufriu nas súas carnes, feitas para o gozo como as de todas nós, as descualificacións propias dun sistema que nos exclúe, os traumas da guerra, as angustias do desterro, o recoñecemento tan tardío ao que lle puido porque, a moi teimuda, chegou case a centenaria. A súa obra e variada, diferente, vangardista, libre, reivindicativa, revolucionaria. Todo o bo que se pode dicir dun artista, home, dos que vimos falando e escribindo toda a vida, é válido para a obra de Maruja Mallo, a quen, á fin, parece que se lle fai facer un pouco de xustiza.

Pensei situar esta exposición entre culturas porque así foi a vida de Maruja e a súa obra, necesariamente mergullada nas terras e nos soles alén mar. Necesariamente mestiza.

Elixín a obra de Claudia Contreras, Diana Dowek e Alicia Herrero, porque ademais de ser extraordinaria está feita por mulleres comprometidas co seu tempo en toda a extensión da palabra: ética e esteticamente. Renovadoras, vitais, loitadoras, incisivas, incómodas. As tres pertencen a unha xeración que viu como todo o seu mundo se derrubaba do xeito máis salvaxe –coma Maruja- e as tres tomaron parte activa, coma artistas e coma cidadás, das resistencias posíbeis. O resultado é un traballo que nos devolve ao presente un tempo sen memoria que é preciso non esquecer nunca xamais.

Alicia, Diana e Claudia, dun xeito absolutamente diferente, representan visións dese mundo alén mar que estamos certas habíalle gustar a Maruja Mallo. En experimentación continua, apostando por novas formas de ver as cousas, dialogando co tempo a rentes de tempo, rexurdindo resistentes en cada pincelada, en cada proxecto, en cada puntada. Tres narrativas distintas e convocantes.

Deste bordo do mapa elixín a xeración seguinte: Renata Otero, Marta Paz, Uxía Piñeiro. Miradas diferentes, intereses comúns. A investigación, a memoria, a performance. Camiños e olladas singulares batallando contras as dificultades de ser mulleres e artistas.

Esta pequena viaxe a través das súas obras deixará outras lecturas, que faremos sen dúbida ao acabar a mostra. Mentres tanto, quédanos a posibilidade de gozar co traballo destas creadoras, e lembrar que aínda quedan moitas por coñecer, por valorar dabondo, por aprender de todas elas.

Luz Darriba, Lugo, marzo de 2017

Maruja Mallo, artista entre culturas