AGUIA DO CAUREL

Desde o 4 de abril de 1963 forma parte das coleccións do Museo Provincial unha peza coñecida como Aguia de Carbedo ou Aguia do Caurel.
Trátase dunha pequena escultura en bronce, de 10 cm de anchura por 7,5 cm de lonxitude que se supón procedente de Torre Cabreira, Carbedo (Folgoso do Caurel), isto é, coa mesma procedencia da Tabula hospitalis publicada na lámina XXXII desta colección, e que, como o seu nome indica, representa unha aguia coas ás a medio despregar, cuxa plumaxe, con máis que correcto trazo, se atopa simulada a cicel agás na parte inferior das ás que permanecen lisas. Algunhas faltas, como o deterioro da súa cara ou a ausencia de garras, non minoran a súa calidade. Debeu ser realizada mediante a técnica da cera perdida.
Pouco sabemos dos contextos arqueolóxicos materiais e cronolóxicos da peza, fóra da súa suposta procedencia, xa que foi adquirida polo doador a un anticuario xunto con outros materiais. Pouco tamén en canto á súa función. Tradicionalmente, estase entendendo como remate dun estandarte militar; hipótese que se sustentaría na propia representación desta ave como nas dúas pequenas perforacións apreciables na parte inferior, baixo a cola; suposto encaixe para o hastil da pertinente insignia.
Como chegou ata o lugar onde se atopou, a que unidade pertencía o estandarte ou en que momento se perdeu son cuestións que non resulta fácil delimitar neste caso dada a carencia de contexto arqueolóxico, limitándonos a indicar que se trata, en calquera caso, dunha peza excepcional que constitúe un dos elementos máis destacados do Museo.


Enrique Alcorta Irastorza

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA