CARNEIRO ALADO

En calidade de depósito, o 17 de abril de 1976 entra no Museo Provincial de Lugo esta extraordinaria e enigmática peza. Dicimos enigmática porque ignoramos case completamente a súa filiación cultural e as circunstancias (lugar, ano, etc.) do seu achado. Parece ser que foi atopada ao dragar a ría de Ribadeo en 1945 e, posteriormente, adquirida por D. Álvaro Gil Varela en Madrid. Pero esta información, sobre a que temos certas reservas, non nos permite establecer dun xeito fidedigno o seu contexto arqueolóxico, o que axudaría moito á hora de clarificar a súa procedencia e cronoloxía.
Realizada en ouro, pesa 50 gramos e mide 6,5 cm. de alto e outro tanto de longo. Oca no seu interior, atópase profusamente decorada con granulado e cun fío de filigrana retorcido que imita a la. Este tipo de ornamentación aparece tamén disimulando as unións e perfilando distintas partes da peza. Figuras zoomórficas (sobre as que non hai unanimidade en canto á súa identificación) e rosetas exapétalas completan os motivos decorativos do Carneiro Alado.
Estudada por diferentes especialistas, varias foron as teorías propostas para explicar a súa orixe, se ben todas coinciden na temática orientalizante desta xoia e en asignarlle unha cronoloxía que vai dende o século VI ao I a.C., pero nós estimamos que é moi posterior.
Durante moito tempo, o Carneiro Alado, unha das iconas máis características do Museo Provincial de Lugo, foi considerado unha figura única, sen paralelismos. Pero hoxe sabemos que hai outras semellantes e que, para un correcto e detallado estudo desta peza, sería preciso poñela en relación con outras de similares características, que localizamos en museos de Suíza e Canadá e ás que se lles asigna unha cronoloxía máis tardía.



Fernando Arribas Arias

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA