SAN DIEGO DE ALCALÁ

Anónimo
S. XVII
Talla en madeira policromada
144 x 49 x 38 cm

S. Diego de Alcalá foi o único santo canonizado polo Papa Sixto V durante o s. XVI, exactamente en 1588. A partir de entón a propia igrexa difundirá a vida e as obras do relixioso propiciando encargos a pintores e escultores sobre a figura dun santo que acadou gran popularidade. Nacera nunha freguesía de Sevilla arredor de 1400, viviu en varios conventos sendo irmán leigo franciscano da orde dos frades menores e faleceu en Alcalá de Henares en 1463.
Grandes pintores do s. XVII como Zurbarán ou Murillo representárono en varias ocasións e escultores como Alonso Cano, Pedro de Mena ou Juan de Angés O Mozo tamén interpretaron a figura do santo. Ata Lope de Vega lle dedica un soneto titulado La verde yedra al tronco asida e o drama San Diego de Alcalá, estreado en 1613.
O S. Diego do Museo de Lugo procede do antigo retablo doado por dna. Juana de Moure para o altar maior da igrexa parroquial de Chantada. O retablo foi desmontado e vendido por pezas en 1911.
Trátase dunha talla en madeira policromada cuxa realización nos sitúa con toda probabilidade no s. XVII. É unha escultura de vulto redondo, é dicir, exenta e que pode contemplarse desde varios ángulos. Está decorada utilizando para as roupaxes a técnica de estucado, con aplicación de finísimas láminas de ouro que se cubrían posteriormente de pintura sobre a que se debuxaba cun garfio ou punzón de forma que o ouro aparecese de novo, e o encarnado para semellar a pel humana.
A imaxe adáptase á iconografía establecida pola orde franciscana, que mostra a un santo novo e imberbe que viste hábito franciscano, ten as mans unidas en actitude de oración, leva un rosario e suxeitaría entre as súas mans unha cruz ou unhas chaves, atributo que se lle aplicaba por ser porteiro do convento de Alcalá.
A escultura transmite unha actitude serena, mostra un rostro inexpresivo de marcadas faccións, un pescozo robusto e un cabelo abundante e disposto en marcados rizos, un deles centrado sobre a fronte, habitual en moitas tallas da época, sobre todo en obras de Francisco de Moure e de Juan de Angés O Mozo, establecido en Ourense e a cuxo obradoiro é probable que se deba a autoría da peza.


Lucila Yáñez

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA