MOLDE BIVALVO DE COTÁ

Este molde de bronce para a fundición de machados de talón de dobre anel, un dos poucos que se conserva completo, entrou a formar parte dos fondos deste Museo en decembro de 1944, despois de adquirise en dez pesetas.
Esta interesante peza aparecera, segundo consta na ficha antiga do Museo, en xullo de 1944 no lugar da Pena, parroquia de S. Martiño de Cotá, no concello de Friol, baixo unha pena, coñecida co nome de “merleiros”, que “ofrece un hueco en la tierra en el que cabe una persona menor que puede meter el cuerpo hasta la mitad”.
Este molde está composto por dous corpos que encaixan realizados en bronce, pesa 1’ 40 kg. e ten unhas dimensións de 18’7 cm. de longo por 5´5 cm. de ancho máximo, mentres que o machado resultante da fundición tería unhas dimensións de 15’4 cm. de longo por 3’9 cm. de ancho. O feito de ser de bronce permite que fose utilizado varias veces para reproducir machados case idénticos. As dúas valvas teñen a forma do contorno do machado polo exterior, máis a parte correspondente ao funil por onde se vertería a colada. Presentan, ademais, unha pequena asiña que serviría para poder retirar o molde unha vez feita a fundición. Cada unha das partes no interior conten a metade da pegada do machado de dobre anel.
Este interesante molde, xunto cos depósitos de machados de talón con aneis, como os que se atopan nos fondos do Museo procedentes de Carballo de Hospital, Quiroga (composto por 17 machados) e o de Mazaeda, S. Pedro de Neiro, A Fonsagrada, demostran as importantes modificacións que se producen na actividade metalúrxica no Bronce Final (1200-700 a. de C.).


Mª Ofelia Carnero Vázquez

Descargar


CARTAFOL DO MUSEO GUÍA GRÁFICA DO MUSEO PROVINCIAL DE LUGO

LÁMINA